lunes, 11 de marzo de 2013

¿Qué sabes de Ourense...?


Auria, Oria, A., “ A Atenas celta”… Ourense recibiu múltiples nomes da man de escritores e intelectuais ó longo do tempo converténdoa nunha cidade literaria ó nivel do Dublín de Joyce. Xa na Idade Media, Alfonso X falara nunha cantiga de escarnio do “boo viño da cidade d’Ourense”, para pasar ó Rexurdimento e ás figuras vinculadas á Xeración Nós. Sempre que se fala da relación entre cidades e literatura repítese a frase de Rilke, que afirmaba que “a patria dunha persoa é a súa nenez”. Boa parte dos escritores fabulan ó redor do Ourense das súas mocidades dende a emigración ou o exilio.

A través desas obras quedaron reflectidos os cambios sociais producidos no ambiente ourensán dende finais do século XIX, así como os políticos e culturais. Pouco a pouco foron aportándose novos tipos humanos e complicacións psicolóxicas xurdidos nas zonas de confluencia entre a tradición e a modernidade.

Sen embargo, a maioría de nós vive á marxe deste pasado e pasamos polas súas rúas sen reparar neste pasado que se vai perdendo ó tempo que desaparecen as xeracións que viviron os drásticos cambios producidos dende a posguerra. Deste xeito, e a través deste roteiro queremos achegar estas figuras e as súas obras ás novas xeracións, dun xeito visual e práctico. Pero tamén amosar como cada quen vai facendo súa a cidade na que vive. Por iso non hai un Ourense, hai tantos como persoas que se sinten coma tales. Empregaremos este blog como plataforma para ofrecer información e actividades que sitúen ós alumnos no espazo histórico-xeográfico que percorreremos o día 14.

Pero tamén para sensibilizalos da importancia da cidade que viu nacer a moitos de nós, para que nunca máis sexan alleos a ese cativo “cortello de vacas” do que falaba Blanco Amor. Porque só nós, os ourensáns, os que sabemos de qué falaba o escritor cando dicía esas verbas acedas, somos capaces de entender e de transmitirlle ó mundo a verdadeira dimensión da Atenas galega. Un movemento que non se entende sen a cidade e o mundo cultural no que naceu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario