Auria,
Oria, A., “ A Atenas celta”…
Ourense recibiu múltiples nomes da man de escritores e intelectuais
ó longo do tempo converténdoa nunha cidade literaria ó nivel do
Dublín de Joyce. Xa na Idade Media, Alfonso X falara nunha cantiga
de escarnio do “boo viño da cidade
d’Ourense”, para pasar ó
Rexurdimento e ás figuras vinculadas á Xeración Nós. Sempre que
se fala da relación entre cidades e literatura repítese a frase de
Rilke, que afirmaba que “a patria
dunha persoa é a súa nenez”. Boa
parte dos escritores fabulan ó redor do Ourense das súas mocidades
dende a emigración ou o exilio.
A
través desas obras quedaron reflectidos os cambios sociais
producidos no ambiente ourensán dende finais do século XIX, así
como os políticos e culturais. Pouco a pouco foron aportándose
novos tipos humanos e complicacións psicolóxicas xurdidos nas zonas
de confluencia entre a tradición e a modernidade.
Sen
embargo, a maioría de nós vive á marxe deste pasado e pasamos
polas súas rúas sen reparar neste pasado que se vai perdendo ó
tempo que desaparecen as xeracións que viviron os drásticos cambios
producidos dende a posguerra. Deste xeito, e a través deste roteiro
queremos achegar estas figuras e as súas obras ás novas xeracións,
dun xeito visual e práctico. Pero tamén amosar como cada quen vai
facendo súa a cidade na que vive. Por iso non hai un Ourense, hai
tantos como persoas que se sinten coma tales. Empregaremos este blog
como plataforma para ofrecer información e actividades que sitúen
ós alumnos no espazo histórico-xeográfico que percorreremos o día
14.
Pero
tamén para sensibilizalos da importancia da cidade que viu nacer a
moitos de nós, para que nunca máis sexan alleos a ese cativo
“cortello de vacas”
do que falaba Blanco Amor. Porque só nós, os ourensáns, os que
sabemos de qué falaba o escritor cando dicía esas verbas acedas,
somos capaces de entender e de transmitirlle ó mundo a verdadeira
dimensión da Atenas galega. Un movemento que non se entende sen a
cidade e o mundo cultural no que naceu.